Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Arquivo para a etiqueta “de”

Probas de profesionalidade

A Consellería de Traballo convoca as probas para a obtención dos certificados de profesionalidade de dúas novas ocupacións

Na convocatoria de 2007 poderase conseguir a certificación de electrónico de mantemento e de auxiliar de axuda a domicilio

O obxectivo destas probas é que o traballador dispoña dunha certificación oficial e con validez a nivel nacional, que acredite a súa competencia profesional, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición

As profesións de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, xa incluídas na convocatoria anterior, ampliaron a súa cota de prazas

Santiago, 15 de outubro de 2007.- A Consellería de Traballo convoca as probas para a obtención dos certificados de profesionalidade de dúas novas ocupacións: electrónico de mantemento e auxiliar de axuda a domicilio. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan as probas para a obtención dun certificado de profesionalidade ou para a acreditación parcial dunha ou varias unidades de competencia en convocatoria única para o ano 2007.

Deste xeito, na orde danse a coñecer os requisitos xerais que deben reunir as persoas interesadas en solicitar o acceso ás probas. Os itinerarios disporán dun prazo de 30 días naturais despois da publicación no Boletín Oficial do Estado.

A convocatoria das probas das ramas de electrónico de mantemento e de auxiliar de axuda a domicilio débese á crecente demanda de persoal cualificado neste tipo de servizos sociocomunitarios. De feito, para as probas de auxiliar de axuda a domicilio ofertaranse 300 prazas.

Así, para 2007 convócanse 50 prazas para a obtención de certificados de profesionalidade das especialidades de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, ás que hai que sumar as de electrónico de mantemento e de auxiliar a domicilio.

Independentemente das prazas sinaladas, poderán inscribirse nestas probas aquelas persoas que participaran nos exames convocados o pasado ano e non obtivesen o certificado de profesionalidade completo.

Estas probas están dirixidas a aquelas persoas que teñen competencias profesionais non acreditadas oficialmente, pero que contan con cursos de formación ou cunha experiencia profesional documentada.

A expedición do certificado de profesionalidade permitirá ao traballador dispoñer dunha certificación oficial e con validez nacional, que acredite a súa competencia profesional, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición. Para obter o certificado, o traballador terá que superar un exame teórico-práctico previo.

No caso de que os alumnos non superen as probas para a obtención do certificado de profesionalidade completo, entregaráselle unha certificación parcial, denominada crédito ocupacional. Estas certificacións parciais dunha ou varias unidades de competencia son acumulables, polo que nun futuro, o traballador pode acadar a certificación completa.

Por outra banda, as persoas que na anterior convocatoria non superaron todas as unidades de competencia, poderán realizar este ano as probas para obter o certificado completo.

Outra das novidades da convocatoria de 2007 é a ampliación de prazas para as probas de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, xa que este ano ofertaranse 50 prazas, en lugar de 25 como na convocatoria de 2006. A Consellería de Traballo decidiu ampliar o número de prazas debido ao elevado número de solicitudes rexistradas o pasado ano.

A experiencia de 2006
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, foi a primeira Comunidade Autónoma que puxo en marcha este tipo de probas para a obtención dos certificados de profesionalidade. Así, en 2006 fíxose unha convocatoria para as ocupacións de traballador forestal, xardineiro, mecánico de vehículos lixeiros, chapista pintor de vehículos, axustador mecánico e torneiro-fresador. Os exames teórico-prácticos leváronse a cabo en catro centros propios de Formación Profesional Ocupacional da Consellería de Traballo.

No pasado ano, 98 persoas presentáronse ás probas, das cales 75 obtiveron o certificado de profesionalidade completo e 17 acadaron a certificación parcial en algunha unidade de competencia. O perfil medio de solicitudes recibidas correspondeu a traballadores en activo, con idades comprendidas entre os 36 e os 45 anos, cun nivel de estudos básico e con ampla experiencia laboral, na súa maioría.

Para a presentación das solicitudes, estableceuse un sistema flexible que permitía aos candidatos inscribirse nas probas de todo o certificado de profesionalidade ou só nas unidades de competencia que consideraran oportunas.

As probas para traballador forestal e xardineiro realizáronse no Centro Nacional de FPO de Santiago de Compostela. No Centro de FPO de Coia-Vigo avaliáronse as persoas interesadas en obter o certificado de profesionalidade de chapista pintor de vehículos e axustador mecánico. As probas para mecánico de vehículos lixeiros leváronse a cabo no Centro de FPO de Lugo e no Centro de FPO Santa María de Europa de Ourense realizáronse as de torneiro-fresador.

A Consellería de Traballo destaca a importancia da realización destas probas, xa que esta experiencia poder servir de guía para amosarlles ao Ministerio de Traballo e ao resto de Comunidades Autónomas as dificultades que se deben superar para a posta en marcha desta iniciativa.

Data: 13:05 – 15/10/2007
Áreas temáticas:
Área de Traballo
Fonte:
Consellería de Traballo
Advertisements

FEIRA DE MOSTRAS DOS AUTÓNOMOS DE GALIZA

O Igape leva as súas axudas e servizos á Feira de Mostras dos Autónomos de Galicia
O Igape achegará aos visitantes da Feira de Mostras dos
 Autónomos de Galicia, que se desenvolve entre o 10
e o 14 de outubro no Coliseum da Couña, información
sobre os seus servizos de apoio e sobre as vixentes
axudas financeiras para apoiar investimentos
 de microempresas, emprendedores ou pemes que
aposten pola mellora da súa competitividade.
O Instituto tamén achegará información sobre os seus
 apoios e servizos nos eventos feirais de Fexdega, en
 Vilagarcía, do 11 ao 14 de outubro; no salón de
produtos con denominación de orixe ou delicatessen,
 do 15 ao 17 no Ifevi de Vigo; e en Termatalia,
do 19 ao 21 en Expourense.

AXUDICACIÓN OBRAS CENTRO DE DÍA CELEIRO

Resolución do 24 de setembro de 2007 pola que se anuncia o concurso público aberto, trámite urxente, para a adxudicación das obras de adaptación da planta baixa da ala esquerda da Casa do Mar de Celeiro-Viveiro (Lugo), para dedicala a centro de día.

OFERTA DE EMPREGO 25 DE SETEMBRO

ETT procura para empresa da mariña un peón acuícola para mentemento e limpeza de piscinas e manutención dos peixes.

O traballo realizaráse por turnos, polo que é imprescindíbel dispoñibilidade total.

A incorporación e inmediata e a contratación en principio é ata decembro con algunha posibilidade de prórroga.

 

INTERESADOS PÓRSE EN CONTACTO CO SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL CON JOSÉ MANUEL: 982560128-EXT 35

SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL INFORMA

O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Viveiro estará pechado dende o 10  ata o día 24 de setembro

Se necesitan realizar algunha consulta neste período poden chamar ao PROGRAMA CREAR no teléfono 982550421. 

 Perdoen as molestias.

CURSOS GRATUÍTOS DE GALEGO

Resolución do 10 de agosto de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de formación de lingua galega, nivel Celga 1 e Celga 4, para adultos e colectivos de Galicia, para realizar a partir do 20 de setembro de 2007 (PR 104 B).

OFERTA EMPREGO ENQUISADOR/A

BÚSCASE XENTE INTERESADA EN FACER ENQUISAS PARA A UNIVERSIDADE  DOUS OU TRES DÍAS DA SEMANA DO 13 DE AGOSTO.

CONDICIÓNS:

– CONTRATO A MEDIA XORNADA.

– DÉBENSE FACER 5 ENQUISAS DIARIAS.

– SALARIO 6 EUROS HORA.

INTERESADOS CHAMAR AO SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL AO LONGO DO VENRES 10 DE AGOSTO DE 9 A 1400 NO 982560128-EXT 35

CUALIFICACIÓN DAS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL

NO DOG DO 8 DE AGOSTO PODEDES ATOPAR O SEGUINTE DECRETO DE INTERESE: 

Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral.

APOIOS PARA INVESTIMENTOS DE CARÁCTER TECNOLÓXICO IMPULSADOS POLAS PEMES

 

APOIOS PARA INVESTIMENTOS DE CARÁCTER TECNOLÓXICO IMPULSADOS POLAS PEMES
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impulsa a mellora da produtividade das pemes galegas mediante o apoio á realización de investimentos de carácter tecnolóxico destinados á incorporación de bens de equipo, tamén de carácter tecnolóxico, que se integrarán na cadea de valor ou en departamentos de I+D, deseño ou ensaio das sociedades.
O Instituto apoiará tamén  proxectos dirixidos a mellorar a organización das pemes mediante subvencións á consultoría de procesos e implantación de ferramentas de xestión e cadros de mando. 
O prazo de presentación de solicitudes remata, en ambos casos, o 31 de agosto

PROGRAMAS DE FOMENTO DA CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA

Aviso importante a empresarios:

Na páxina web da consellería de traballo tendes reflectidos os distinos programas de fomento da contratación por conta allea.

Os prazos para entregar a solicitude rematan entre o 31 de xullo e o 15 de setembro dependendo do programa.

Navegación de artigos