Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Arquivo do día “Xuño 22, 2015”

Economía e Industria activa os novos préstamos do programa Galicia 1000 para investimentos e circulante

 Os emprendedores, os autónomos e as pemes xa poden solicitar nas entidades financeiras o financiamento bancario en condicións vantaxosas para impulsar os seus proxectos e o seu funcionamento operativo. No ámbito da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, este ano hai especial atención para o sector industrial, bonificándose de modo específico os préstamos e microcréditos de proxectos desenvolvidos neste ámbito. Os préstamos para circulante incrementan a súa vixencia ata os 7 anos co obxectivo de facilitar o financiamento operativo das empresas. As liñas que veñen de publicarse no DOG súmanse aos préstamos directos Jeremie que está a conceder o Igape.

Santiago, 19 de xuño de 2015.- Os emprendedores, as microempresas e as pemes galegas xa poden solicitar nas entidades financeiras os microcréditos e os préstamos bonificados ou avalados do programa “Galicia 1000” da Consellería de Economía e Industria para financiar os seus investimentos ou necesidades de circulante. Estes instrumentos financeiros, regulados segundo as bases que acaban de ser publicadas no DOG, veñen sumarse aos préstamos directos Jeremie tamén destinados a financiar investimentos empresariais.

A través do programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden acceder a préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade. Os beneficiarios desta liña poderán contar cunha axuda financeira adicional do 15% sobre o tramo do microcrédito destinado a financiar activos fixos.

Así mesmo poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Ademais, e coa finalidade de continuar avanzando no reequilibrio territorial da Comunidade, estas dúas liñas financeiras do “Galicia 1000” seguirán a prestar unha especial atención ás zonas amparadas por plans Impulsa – as provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como a Costa da Morte-, achegando préstamos ou microcréditos con bonificacións especiais.

Por outra banda, e de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que está a impulsar a Xunta de Galicia, este ano os proxectos do sector industrial –e os dos emprendedores– poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%.

De xeito paralelo, e para cubrir as necesidades de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria vén de activar, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que facilitará a mobilización de préstamos bancarios comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazos de amortización de ata 7 anos –fronte aos 5 da edición anterior–, avalados polas Sociedades de garantía recíproca (SGR) colaboradoras e reavalados polo Igape.

Ademais, e de cara a financiar as operacións dos emprendedores e das Pemes, o Igape mantén activa a liña de préstamos Jeremie, que suman 8 millóns e melloran as súas condicións, con xuros máximos que poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%. Estes apoios poden chegar ata 1,8 millóns por proxecto, cubrindo ata o 70% do investimento, e con prazos de amortización de ata 11 anos. A está liña sumarase en datas próximas outra liña de préstamos con fondos BEI, para operacións de maior contía e especialmente do sector industrial, préstamos de ata 5 millóns de euros a un máximo de 12 anos.

Unha das prioridades da política económica da Xunta de Galicia é o fortalecemento e mellora da capacidade de financiamento do tecido empresarial galego. Neste contexto, impulsou a nova edición do programa “Galicia 1000”, un paquete integral de financiamento que ten como obxectivo de dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros para mobilizar 300 millóns de euros en iniciativas empresariais.

Co novo “Galicia 1000”, o Goberno galego quere dar continuidade aos bos resultados acadados pola primeira edición deste programa, que ten mobilizado xa máis de 100 millóns de euros en 946 proxectos promovidos por pemes galegas, contribuíndo á creación ou mantemento de 12.000 postos de traballo. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a través de Igape e Xesgalicia, reforza o seu compromiso co impulso da rexeneración do tecido produtivo, a recapitalización das empresas e a execución de novos investimentos orientados á creación de riqueza e emprego.

A Deputación subvenciona a contratación de 306 desempregados lucenses en 288 entidades e colectivos da provincia co Ben Empregado II

– A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución dos 248 autónomos, pemes e microempresas, e 40 asociacións sen ánimo de lucro, beneficiadas desta programación
– Solicitan 306 perfís profesionais moi diversos, principalmente, os relacionados cos sectores agropecuario e forestal, así como os vinculados ao medio ambiente
– O BOP publicará a semana próxima a lista de entidades e colectivos, e a dos perfís. Ao día seguinte desta publicación, abrirase un prazo de 10 días naturais para presentar solicitudes
– Martínez subliñou que “unha vez máis, desenmascáranse as mentiras do Goberno de Feijóo sobre a dotación no Hula dos servizos públicos de Radioterapia e Medicina Nuclear”

A Xunta de Goberno aprobou a resolución das 288 entidades e colectivos lucenses beneficiados do Ben Empregado II. Son 248 autónomos, pemes e microempresas, e 40 asociacións sen ánimo de lucro. Desenvolven a súa actividade por toda a provincia, sendo máis numerosas as radicadas nas Comarcas de Lugo, Terra Chá, Zona Sur e A Mariña; seguidas das de Sarria, A Montaña e a Ulloa.

Para satisfacer as súas necesidades laborais, solicitan 306 perfís profesionais moi diversos. Os máis solicitados son os relacionados cos sectores agropecuario, forestal e o vinculados ao medio ambiente, posto que as empresas piden dende veterinarios, peóns en explotacións gandeiras ou enxeñeiros agrónomos e forestais.

Destacan tamén os perfís de carácter social, como educador e traballador social, psicólogo ou monitores de actividades físicas e tempo libre; os administrativos e titulados en administración de empresas; así como os vinculados coa hostalería, turismo e novas tecnoloxías.

A próxima semana, o BOP publicará a listaxe das 288 entidades e colectivos beneficiados; a listaxe das que quedan en reserva, ás que se recorrerá no caso de haber renuncias; e a listaxe das excluídas. Cómpre lembrar que se presentaron un total de 1.700 empresas e asociacións lucenses sen ánimo de lucro. Foron seleccionadas por unha Comisión de Valoración, formada exclusivamente por técnicos, en base a criterios de concorrencia competitiva, garantido, deste xeito, a total imparcialidade e transparencia.

O mesmo día, o Boletín Oficial da Provincial tamén publicará a listaxe dos 306 perfís profesionais solicitados, as bases de selección e o modelo de solicitude. Os interesados terán 10 días naturais a partires do día seguinte da publicación no BOP para facer a súa solicitude.

O voceiro provincial socialista en funcións, Manuel Martínez, destacou que, a través do Ben Empregado II, a Deputación subvenciona con 6 millóns de euros a contratación dos 306 desempregados lucenses solicitados polas 288 empresas e colectivos sociais da provincia.

Servizos públicos no Hula
Manuel Martínez valorou as últimas informacións publicas nos medios de comunicación sobre a dotación no Hula de Radioterapia e Medicina Nuclear; “a única información, de feito, que temos ao respecto, non só este Goberno Provincial, senón tamén os propios profesionais sanitarios, sindicatos e milleiros de lucenses que levan anos demandando a prestación pública destes servizos na provincia, a única galega que non os ten”.

“Unha vez máis, desenmascáranse as mentiras do Goberno galego de Feijóo sobre a dotación no Hula dos servizos públicos de Radioterapia e Medicina Nuclear. Só polo feito de que se achegaban as eleccións municipais, asegurou que Lugo contaría con estas prestacións antes de rematar o ano. Esta semana descubrimos que, a día de hoxe, a Xunta nin ten planificación, nin previsión, nin iniciou a contratación do persoal. É máis, o único que sabemos é que está a estudar a privatizar destes servizos”

O voceiro engadiu que “non sabemos nada sobre a dotación no Hula de Radioterapia e Medicina Nuclear, e tampouco sobre a de Hemodinámica as 24 horas. Feijóo nin tan sequera respondeu á proposta da Deputación de Lugo para financiar a súa posta en marcha.

“Unha vez máis, desenmarcárase a discrimación da Xunta cos lucenses, os únicos galegos que non contan con estas prestacións na súa provincia. Esiximos ao Goberno galego claridade. Sumámonos ás reclamacións de sindicatos, profesionais sanitarios e veciños de Lugo para participar neste proceso. Así o merecen os máis de 40.000 lucenses que asinaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego”.

“E esixímolles a inmediata dotación no público, é dicir, no Hula, dos servizos públicos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas, rexeitando, taxantemente, a súa privatización”, sentenciou.

SELECCIÓN DE NOVAS RELEVANTES NO DOG DO 22 DE XUÑO DO 15

Consellería de Traballo e Benestar

24799

Descargar PDF

Axencia Galega de Innovación

24865

Descargar PDF

SELECCIÓN DE NOVAS RELEVANTES NO BOP-LUGO DO 22 DE XUÑO DO 15

CONCELLO DE POL

SELECCIÓN DE NOVAS RELEVANTES NO BOE DO 22 DE XUÑO DO 15

ADMINISTRACIÓN LOCAL

Personal funcionario y laboral

Navegación de artigos