Santiago, 30 de xullo de 2014.- O ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, desenvolve unha liña de actuación sistematizada para o estudo estatístico da incidencia das enfermidades profesionais en Galicia e a investigación das súas causas. Os datos correspondentes ao segundo trimestre deste ano poñen de manifesto que nese período foron comunicados 296 partes de enfermidades profesionais, dos que 129 foron con baixa. Por sexos, 152 dos afectados eran mulleres e 144 homes.
En relación co segundo trimestre de 2013, no cal se comunicaron 289 partes de enfermidade, os 296 comunicados no segundo trimestre deste ano supoñen un incremento do 2,42% das enfermidades comunicadas.
Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Na industria producíronse 136 casos e nos servizos, 124. A continuación, situouse a construción, que rexistrou 27 partes; a pesca, con 7 partes; e a agricultura, con 2 casos. No sector da industria as notificacións afectan en maior grao ao colectivo masculino e, no caso das rexistradas no sector servizos, ao feminino. En ambos os dous casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.
Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos: 234, dos que 134 foron sen baixa e das que as provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo. A continuación están as enfermidades da pel causadas por sustancias e axentes non comprendidos nos grupos I ao IV con 28 casos, 17 deles sen baixa. No grupo de enfermidades producidas por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos houbo 19 casos, deles 12 sen baixa; no grupo das enfermidades producidas por axentes biolóxicos comunicáronse 9 casos, 1 deles sen baixa; no grupo de axentes químicos houbo 6 partes, 3 deles sen baixa e no grupo de axentes carcinóxenos non houbo ningún parte de enfermidade.
Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 175, deles 105 cursaron sen baixa. Na Coruña houbo 63 comunicacións, delas 30 sen baixa. En Ourense rexistráronse 34 partes, dos que 17 foron sen baixa e en Lugo houbo 24 casos, 15 deles sen baixa.
Esta recompilación sistematizada de datos sirve ao ISSGA para analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes das enfermidades profesionais e priorizar o asesoramento técnico, as campañas de divulgación e sensibilización e a temática das xornadas técnicas, en función dos sectores de actividade afectados e das patoloxías máis frecuentes, como é o caso das enfermidades osteomusculares.