Santiago, 26 de agosto de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 1,3 millóns de euros para incentivar, por unha banda, a contratación de persoas con discapacidade na empresa ordinaria e, por outro, para financiar o emprego con apoio, como medidas de fomento do emprego deste colectivo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para acceder a estas subvencións. O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 30 de setembro.
Así, o departamento autonómico incentivará a contratación de persoas con discapacidade na empresa ordinaria con axudas de ata 8.000 euros.
Este programa recolle ata catro tipo de liñas de financiamento: subvención pola contratación indefinida; indefinida de traballadores con discapacidade dun enclave laboral; temporal; e pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio.
Os empregadores e as empresas que contraten con carácter indefinido a persoas con discapacidade desempregadas no momento da contratación ou procedentes de centros especiais de emprego poderán obter unha axuda mínima de 3.907 euros se é un traballador e de 5.107 euros se é unha traballadora.
A estas contías poden acumularse diferentes incentivos adicionais: 1.000 euros no caso da contratación indefinida de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral; 500 euros no caso de que sexan traballadores ou traballadoras procedentes de centros especiais de emprego; 500 euros se as empresas teñen 49 empregados ou, no caso de contratacións, para prestar servizos en centros de traballo dun concello rural; e, por último, de 902 euros pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Deste xeito, a contratación fixa dun home poderá contar con incentivos que oscilan entre os 3.900 e 6.800 euros e a dunha muller entre os 5.100 e 8.000 euros.
Se a contratación é temporal, o incentivo por ser home será entre 2.000 e 4.000 euros e no caso de que sexa unha muller de entre 2.600 e 4.600 euros.
Emprego con apoio
En segundo lugar, a orde que sae hoxe publicada no DOG tamén recolle axudas para o programa de emprego con apoio, que subvenciona as entidades promotoras deste tipo de proxectos financiando os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores laborais que leven a cabo as accións de apoio.
Estas accións desenvólvense no marco de proxectos de emprego con apoio nos que se deberán recoller, entre outros, labores de orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade, elaborando para cada persoa un programa de adaptación ao posto laboral; actividades de achegamento e mutua axuda entre a persoas beneficiaria do programa de emprego, o empregador e o persoal da empresa que comparta tarefas co traballador con discapacidade; e apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.
Tamén deberán incluír un adestramento específico da persoas traballadora nas tarefas inherentes ao posto laboral; un seguimento e avaliación do proceso de inserción; e asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os proceso de adaptación.
Pola tanto, fináncianse a través deste programa actividades de orientación e acompañamento individualizado no posto laboral, prestadas por preparadores laborais especializados que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral dos traballadores e traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo.