Economía e Industria promove a cooperación entre clusters como ferramenta para avanzar na competitividade empresarial galega
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salienta o potencial do convenio marco de colaboración asinado entre Cointega-Clúster Galego do Téxtil e o Clúster TIC Galicia
O acordo facilitará a investigación e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía do sector TIC ao sector téxtil
Prevese a identificación de oportunidades de participación conxunta en proxectos de I+D+i autonómicos, nacionais ou internacionais, especialmente nos de ámbito empresarial
O Igape destina 4,2 millóns de euros para consolidar clusters excelentes e que actúen como motores para achegar innovación e competitividade ás pemes
Santiago, 30 de xullo de 2013.- A cooperación entre clusters de empresas constitúe un instrumento de especial importancia para facilitar a mellora da competitividade e para promover a internacionalización do tecido produtivo, segundo salientou o director xeral do Igape, Javier Aguilera, durante a sinatura dun convenio de colaboración entre Cointega-Clúster Galego do Téxtil e o Clúster TIC de Galicia levado a cabo en Santiago de Compostela.
Aguilera Navarro celebrou a subscrición deste acordo marco, froito do traballo de coordinación entre os clusters galegos que vén desenvolvendo a Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e insistiu en que a cooperación é a mellor fórmula para sacar mellor rendemento dos recursos dispoñibles e para beneficiar a un maior número de empresas.
Entre outros beneficios, a cooperación entre os dous clusters facilitará a investigación e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía do sector TIC ao sector téxtil, así como a colaboración en actividades de formación, difusión e transferencia tecnolóxica. Ao mesmo tempo, o acordo prevé a identificación de oportunidades de participación conxunta en proxectos de I+D+i autonómicos, nacionais ou internacionais, especialmente no de ámbito empresarial.
Grazas ao labor de dinamización impulsado polo Igape, e ás reunións nos grupos de traballo cos xerentes dos clusters, son xa varios os convenios de colaboración asinados neste eido, como o acordo entre Clusaga e a AEI Termal, entre Clusaga e Portugal Foods ou entre Cluergal-Acluxega-Agaen, que permiten impulsar a cooperación entre as empresas destes sectores.
Impulso de clusters excelentes
A Xunta de Galicia aposta pola cooperación entre os clusters galegos como a mellor forma posible para que aproveiten as súas sinerxías a través dunha colaboración transversal que lles permita acadar a excelencia na xestión. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria traballa na consolidación de clusters excelentes, con capacidade de desenvolver proxectos intersectoriais e internacionais.
Nesta liña, a Xunta de Galicia destina, a través do Igape, 4,2 millóns de euros a financiar proxectos destinados a consolidar clusters excelentes e con potencial para actuar como motores para achegar innovación e competitividade ás pemes representadas. Deste xeito os clusters están destinados a actuar como celeradores para o desenvolvemento da industria e dos servizos, e dinamizadores da actividade e a xeración de emprego nas pemes.