Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Arquivo do día “Maio 16, 2013”

CONCELLO DE LUGO

 

ANUNCIO relativo á resolución das bases específicas e convocatoria do proceso selectivo para a cobertura dunha praza de arquiveiro/a deste concello.

No Boletín Oficial da provincia de Lugo número 157, do 9 de xullo de 2008, publicáronse as bases xerais para o acceso en propiedade a prazas de funcionarios e persoal laboral do Concello de Lugo, en quenda libre.

Estas bases xerais foron modificadas por acordos da Xunta de Goberno Local e foron publicadas estas modificacións no Boletín Oficial da provincia de Lugo número 51, do 4 de marzo de 2009, e número 33, do 8 de febreiro de 2013.

No Boletín Oficial da provincia de Lugo, número 90, do 19 de abril de 2013, publicouse resolución das bases específicas e convocatoria que rexerán, xunto coas anteriores bases xerais, o seguinte proceso selectivo:

Persoal funcionario (quenda libre):

– Resolución 13003254. 1 praza de arquiveiro/a encadrada na escala de Administración especial; subescala: técnica; clase: superior; grupo de titulación A, subgrupo A1. Sistema selectivo: oposición.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial del Estado.

Lugo, 22 de abril de 2013

José Clemente López Orozco
Alcalde

NSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

 

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2013 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dunha liña de avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (programa Re-Export 2013).

O DOG publica hoxe a orde dos obradoiros de emprego, que beneficiará a máis de 1.000 desempregados

Esta iniciativa conta cun orzamento de 10,2 millóns de euros a investir entre 2013 e 2014

Os participantes melloran a súa empregabilidade, ao tempo que dispoñen dun posto de traballo

Este ano, como novidade, inclúense entre os posibles beneficiarios ás persoas desempregadas de entre 18 e 25 anos

Os concellos deberán asumir o compromiso de procurar a entrada no mercado laboral posterior das persoas participantes, de feito, a media de inserción destes programas encóntrase preto do 70%

Santiago, 16 de maio de 2013.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de obradoiros de emprego. Esta iniciativa beneficiará a máis de 1.000 desempregados e desempregadas galegas, grazas a un investimento de 10,2 millóns de euros que se distribuirá entre 2013 e 2014.

En total, ao abeiro desta orde, financiaranse máis de 43 proxectos cunha duración de seis meses. No transcurso das diferentes iniciativas, os participantes mellorarán a súa empregabilidade, ao tempo que dispoñen dun posto de traballo.

Polo tanto, a finalidade destes programas é combinar a formación cun traballo efectivo, isto é, contarán cun contrato de traballo e un salario mentres toman parte nesta actividade.

Todos os alumnos recibirán formación profesional para o emprego adecuada as esixencias dos certificados de profesionalidade durante toda a duración do proxecto, isto é, formación acreditable. E, ademais, contarán con orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral; así como a formación, se é o caso, nas competencias clave cara á obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade. Tamén disporán de educación compensatoria: para os que non alcanzaran os obxectivos da ESO, así como módulos en materia de seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.

Os participantes realizarán obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social, ao tempo que se cualifican profesionalmente. Deste xeito, os obradoiros contan cunha triple dimensión: melloran a empregabilidade dos participantes; permítese a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas; e promove a colaboración institucional entre a Administración autonómica e a local.

Os beneficiarios dos obradoiros serán desempregados tendo preferencia aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción: mozos e mozas menores de trinta anos; mulleres en xeral e vítimas de violencia de xénero; persoal traballador que esgotou as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior; persoas con discapacidade; ou persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia. Como novidade, cómpre salientar a inclusión entre os posibles beneficiarios das persoas desempregadas de entre 18 e 25 anos.

As axudas poderán ser solicitadas, como entidades promotoras dos obradoiros, tanto polas entidades locais como polos seus organismos que teñan competencias na promoción de emprego, así como os consorcios.

Os concellos recibirán un anticipo de crédito do 25% da subvención concedida e, como xa ocorreu na convocatoria anterior, deberán asumir o compromiso de procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes, de feito, a media de inserción destes programas encóntrase preto do 70%.

OFERTA CONCELLO DE SAMOS

Anuncio

En cumprimento do establecido no artigo 97 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de Bases de réxime local, faise
público que por Resolución de Alcaldía de data 9/05/2013 aprobouse as “Bases que rexerán a contratación
laboral temporal de un peón para tarefas de servizos múltiples mediante proceso de selección por concursooposición libre”, en réxime de dereito laboral temporal, por obra ou servizo determinado durante seis meses a
xornada completa, e convocouse o correspondente procedemento.
Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso
de reposición ante o Alcalde do Concello, no prazo dun mes, contado desde o día de publicación do anuncio no
B.O.P., ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso- Administrativo
no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, sen perxuízo de que se poida interpoñer calquera outro
recurso que se estime pertinente.
O texto íntegro das bases pode consultarse na páxina web do Concello (www.concellosamos.es) e no
taboleiro de anuncios do mesmo.

En Samos, a 9 de maio de 2013.- O Alcalde, Julio Gallego Moure.

Navegación de artigos