Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Feijóo subliña que este ano estarán operativas 700 novas prazas públicas de garderías contribuíndo ao obxectivo da conciliación e á plena equiparación de mulleres e homes no terreo laboral

Asegura que a Xunta traballa por “rachar o teito de cristal“ que impide con frecuencia unha igualdade plena no mercado laboral

Salienta que o Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes consigna 220 millóns de euros á consecución deses obxectivos

Pon en valor a importancia de medidas como a Marca Galega de Excelencia Empresarial en Igualdade ou a Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na negociación colectiva

Avanza que este ano se volverán convocar axudas para implantar plans de igualdade nas empresas

Destaca que a política de control do gasto da Xunta posibilita que as mulleres emprendedoras se beneficien da preservación do Estado do Benestar e das políticas de incentivos para os emprendedores que pon en marcha o Goberno galego

Santiago, 7 de maio de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que cando remate o ano estarán operativas 700 novas prazas públicas en escolas infantís, que contribuirán ao obxectivo da conciliación da vida laboral e familiar e á plena equiparación de homes e mulleres no eido profesional. Así o dixo o mandatario autonómico no acto de entrega de diplomas e clausura do I Encontro de executivas emprendedoras galegas, enmarcado no Programa Executiva que promove a Consellería de Traballo e Benestar.

Nese marco, remarcou que a Xunta colocou “en primeiro plano a conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, o que motivou a creación na pasada lexislatura de 3.000 novas prazas públicas en escolas infantís, e o compromiso de abrir neste mandato 3.500 prazas máis, das cales 2.100 están xa planificadas e asinadas en convenios.

Acompañado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, Feijóo sinalou que iniciativas como o Programa Executiva “nacen da vontade de rachar este teito” de cristal que impide o desenvolvemento pleno das posibilidades da muller no eido laboral e para conseguir dotar ás galegas de “capacidades executivas adicionais”.

Este programa é, segundo dixo, un “eslabón máis” dunha cadea de actuacións encamiñadas a acadar o obxectivo central da equiparación real e efectiva. Salientou que esta estratexia ten o seu eixe vertebrador no “Plan galego para a Igualdade entre mulleres e homes”, recentemente aprobado, que consigna 220 millóns de euros para conseguir esa meta.

Na súa intervención, o presidente galego lembrou que desde o ano 2009, a Xunta ten na igualdade unha das súas liñas definitorias, como demostran o feito de ter situado a muller como colectivo prioritario en todas as ordes de emprego, a creación da Marca Galega de Excelencia Empresarial en Igualdade, a posta en marcha da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na negociación colectiva.

Resaltou, ademais, que neste tempo se incentivou o establecemento de plans de igualdade nas empresas con diversas ordes de axudas que se volverán convocar neste exercicio.

Feijóo subliñou que o Goberno galego está empeñado en que a crise económica non sexa “un pau nas rodas que free o ritmo” de conquista das mulleres galegas no terreo laboral e indicou que grazas a unha política preventiva que introduciu criterios de racionalización do gasto e eliminou o superfluo, hoxe é posible “non só preservar o Estado do Benestar, senón activar xa mecanismos que impulsen o crecemento”.

Unha dobre vía, asegurou, que permitirá que as mulleres sigan contando co apoio da Administración para o seu pleno desenvolvemento profesional e, ao mesmo tempo, se beneficien das políticas de incentivos cando se decidan a emprender, desde o convencemento de que “o crecemento é a garantía do benestar”.

A ese respecto, destacou a vontade da Xunta de que sexan tamén moitas mulleres as que perciban as vantaxes de compromisos electorais que son xa unha realidade, como as axudas para que os autónomos asinen ata tres contratos indefinidos, ou unha Lei do emprendedor que acurta prazos, deseña microcréditos e establece incentivos fiscais”.

Conquista social nas últimas décadas
O presidente galego defendeu que o incremento da participación feminina no mercado laboral constitúe un dos fenómenos máis destacados e positivos dos últimos tempos. Trátase, engadiu dunha “conquista social” que se plasma en feitos como que Galicia teña na actualidade as mulleres mellor formadas da súa historia, acadando case o 60% dos titulados universitarios, ou que a nosa autonomía este entre as cinco comunidades de España con maior taxa de emprendedoras.

Resaltou que a Xunta de Galicia contribúe a este feito con iniciativas como o programa Emega, que entre 2009 e 2012 investiu 2,8 millóns de euros no apoio a proxectos empresariais femininos que crearon 350 postos de traballo, e que, só nos últimos dous anos, impulsou 108 novas iniciativas empresariais.

Single Post Navigation

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: