Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Arquivo do día “Febreiro 26, 2013”

O ‘faino ti mesmo’ chega ó Centro de Artesanía e Deseño con cursos de transformación de roupa e restauración de mobles nos Concellos de Lugo, Monforte, Xermade, Cervantes e Ribadeo

Regina Polín presentou esta mañá unha nova tempada cursos do CENTRAD que combinarán ensinanzas propias de oficios tradicionais con técnicas de carácter máis práctico para aprender a tranformar e dar novos usos a obxectos cotiás usados ou vellos

Serán 19 obradoiros con máis de 160 prazas dispoñibles e máis de 700 horas de formación en materias coma xoiería, costura, restauración de mobles, coiro, cestaría ou madeira, que se celebrarán nos Concellos de Lugo, Monforte, Xermade, Cervantes e Ribadeo

O prazo de inscrición comeza hoxe e rematará cinco antes do comezo de cada curso. Máis información en www.deputacionlugo.org ou no teléfono 982 210 066

FOTO_O 'faino ti mesmo' chega ó Centro de Artesanía e Deseño con cursos de transformación de roupa e restauración de mobles

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta mañá unha nova tempada de cursos do CENTRAD que, por primeira vez, combinarán ensinanzas propias de oficios tradicionais, coma a cestaría ou o tear, con outras técnicas actuais de marcado carácter práctico, coas que os alumnos poderán aprender a transformar e dar novos usos a obxectos cotiás usados ou vellos, coma mobles ou roupa.

“Arranxa ás túas prendas”, “Decora a túa roupa”, “Iniciación ó patchwork” e “Restauración de mobles” son algún destes novidosos cursos cos que os participantes poderán dar un novo aspecto ás súas prendas e fogares. Tal e como destacou Polín “todos temos obxectos nas nosas casas que aínda poden ofrecer novos e variados usos. En tempos de crise hai que botar man da imaxinación”. Pero tamén haberá outras accións formativas coma “Técnicas básicas de xoiería” ou “Modela as túas propias xoias”, coas que poder iniciarse na fabricación de xoias empregando materiais nobres ou pastas modelables. Igualmente, os lucenses que dispoñan de xardín ou horto poderán darlle un aspecto coidado ó tempo que protexen os seus cultivos facendo peches ou adornos con vimbio grazas a “Decoración de hortos e xardíns con vimbio”.

Estes son algúns dos 19 cursos que a Deputación porá en marcha no Centro de Artesanía e Deseño, situado en Lugo, e noutros Concellos da provincia. Tendo en conta a intención dos responsables provinciais de descentralizar a formación, algún destes cursos celebraranse en Monforte, Xermade, Ribadeo e Cervantes, onde se impartirá un curso de tear no que se usarán teares tradicionais restaurados polos artesáns do CENTRAD . Durante o acto de presentación, Polín subliñou a importancia de que o maior número posible de lucenses teñan a oportunidade de acceder á formación en técnicas artesanais, posto que este é un sector “de xeración de emprego de primeiro nivel, especialmente no rural”. Precisamente para que ninguén quede fóra desta formación, os responsables provinciais fixeron un esforzo para reducir os prezos de matrícula á metade con respecto a anteriores edicións. “Despois desta rebaixa, o prezo resultante de cada hora de formación é de só 0,50 euros”, tal e como destacou a Deputada da Área.

163 prazas para 19 cursos

Os 19 cursos programados darán comezo o vindeiro día 9 de marzo e desenvolveranse ata finais do mes de xuño. Son en total 760 horas de formación centradas en técnicas coma xoiería, téxtil, coiro, cestaría, cerámica e madeira.

No Centro de Artesanía e Deseño celebraranse os cursos “Iniciación á xoiería. Técnicas básicas”; “Xoiaría experimental”; “Modela as túas xoias”; “Construción de caixas de coiro”; “Iniciación ó coiro”; “Iniciación ó patchwork”; “Arranxa as túas prendas”; “Perfeccionando a túa técnica de tecido”; “Decora a túa roupa”; Escultura cerámica” e “Restauración de mobles”. No Centro de Cestaría do río Rato será o escenario de “Recuperando o pasado. Bandexas de vimbio”; “Cestaría de xuncos”; “Decora o teu xardín con vimbio” e “A arte de cestear. Esculturas en vimbio”.

Fóra de Lugo serán os cursos “Aprendendo a tecer en tear tradicional”, que se celebrará no interior dunha das pallozas tradicionais do Concello de Cervantes; “Feltro”, en Monforte de Lemos; “Torneado de madeira” na Aldea Artesán A Fraga, no Concello de Xermade, e “Cestaría de reciclaxe” na Casa do Mar de Ribadeo.

Máis información

O prazo de solicitude destes cursos comeza hoxe mesmo e rematará cinco días antes da data do comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. A matrícula para estes cursos farase online. Para elo, os interesados terán que acceder á páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar o modelo de solicitude para formalizar a inscrición, que deberán encher cos seus datos. Unha vez cuberto este formulario de inscrición, a aplicación informará ó interesado se está admitido ou se, pola contra, está en lista de espera.

Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia.

Para obter máis información sobre datas, horarios, prezos de matrícula e inscricións, os interesados poden consultar a páxina web anteriormente citada, chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n)

Advertisements

ABERTA A INSCRICIÓN NO PLAN FÓRMATE EN VERDE, CO QUE A DEPUTACIÓN FORMARÁ GRATIS A 900 PERSOAS NO SECTOR AGROPECUARIO E FORESTAL

 

Os interesados deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse –agricultura ecolóxica, gandería ecolóxica ou xestión forestal sostible-, cubrir o formulario de inscrición correspondente e envialo directamente dende a mesma web

Os cursos comezarán en marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa

Os participantes recibirán formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa

Escolle o sector no que queres formarte e inscríbete:

 

 

A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición no seu novo plan de emprego Fórmate en Verde, a través do dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. Para anotarse, as persoas interesadas deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario de inscrición correspondente e envialo directamente dende a propia web. Os cursos comezarán o vindeiro mes de marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa. Os participantes recibirán formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa.

Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Por toda a provincia

A Deputación descentralizou as accións formativas en función do peso específico de cada rama obxecto do programa nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite coas que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

– Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre os meses de marzo e outubro.

– Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

– E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.

Navegación de artigos