Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

Arquivo do día “Febreiro 20, 2013”

Feijóo refírese á formación como “clave da superación da crise” e destaca para este 2013 unha achega de 40 millóns en formación para desempregados

No eido da discapacidade, lembra que o Plan para as Persoas con Discapacidade mobilizou, na pasada lexislatura, máis de 45 millóns de euros para programas destinados á inserción laboral

Refírese aos alumnos de Averhó como un exemplo para a sociedade galega, cuxas biografías admirables deberán ser referencia obrigada para os pesimistas: “Aquí non hai resignación; aquí non se sente derrotismo”

A Coruña, 19 de febreiro de 2013.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse, hoxe, á formación como “clave da superación da crise económica” e destacou para este ano 2013 unha achega de 40 millóns de euros en formación para desempregados. “Queremos seguir apoiando a formación, clave do futuro, e por iso imos adicar 40 millóns de euros para a formación de persoas desempregadas, para que o emprego empece a moverse e se xeren postos de traballo”, aseverou.

Así mesmo, Feijóo, que presidiu o acto de entrega de diplomas aos alumnos da primeira promoción 2010-2012 do Programa de Alta Especialización en Animación 3D da Fundación Averhó, afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para limitar na medida do posible os obstáculos da discapacidade, como proba o Plan para as Persoas con Discapacidade que, na pasada lexislatura, mobilizou máis de 45 millóns de euros para programas destinados á inserción laboral de persoas con discapacidade.

“E seguiremos facendo as infraestruturas que non se ven pero que son clave para a competitividade da nosa economía, como son as infraestruturas tecnolóxicas. E, neste senso, a Axenda Dixital de Galicia, a pesares da crise económica, ten o compromiso de investir 1.600 millóns de euros, que nos permitirán saír ao final da crise reforzados cun territorio máis competitivo, onde o acceso a internet nas cidades sexa moito máis rápido e onde a banda larga chegue ás aldeas e aos lugares máis recónditos de Galicia”, engadiu.

Feijóo referiuse aos alumnos de Averhó como un exemplo para sociedade galega, “cuxas biografías admirables deberán ser referencia obrigada para os pesimistas”. “Detrás de todos vós hai historias de superación persoal. Aquí non hai resignación; aquí non se sente derrotismo. Que teñades chegado ata aquí, como especialistas nunha materia de futuro como o audiovisual, e como a animación 3D, proba que ningunha limitación supón un freo definitivo para vós. Nin ser mozos, nin ter algunha discapacidade vos ten impedido conseguir a maioría dos obxectivos”.

O presidente do Goberno galego concluíu asegurando que toda a sociedade pode ver reflectidos nestes mozos e mozas os seus mellores valores. “A vosa forza e a vosa constancia son un motor para que a marcha da nosa terra non se deteña”, sentenciou.

Navegación de artigos