“Máis liberdade horaria para o pequeno comercio, máis posibilidades para vender e organizarse”, remarca
A lexislación axústase á normativa básica estatal “pola banda baixa” permitindo ás grandes superficies abrir 10 festivos ao ano, o mínimo contemplado na norma estatal que permite a apertura ata 16 festivos
O horario máximo semanal nas grandes superficies será de 90 horas que tamén é o mínimo que establece a lexislación básica do Estado
As sancións redúcense no caso das faltas leves e increméntanse nas moi graves, co obxectivo de non perxudicar ao pequeno comercio e que “non se poidan ver nunha situación imposible” non suposto de que reciban unha destas sancións
Santiago, 24 de xaneiro de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe que a nova Lei de horarios comerciais de Galicia busca o equilibrio entre o pequeno e mediano comercio e as grandes superficies. “Estamos cumprindo os nosos compromisos que mais benefician á maior parte dos traballadores deste sector e que benefician á consolidación dos cascos e dos barrios das cidades”, remarcou.
Así, o titular do Goberno galego asegurou que esta lei, que agora será remitida ao Parlamento, nace cun dobre obxectivo: cumprir a lexislación básica do Estado e atender ás peculiaridades do pequeno e mediano comercio en Galicia. “Cumprimos coa normativa básica estatal pero o facemos, dentro das capacidades que deixa esta lexislación básica, facilitando a supervivencia do pequeno comercio en Galicia”, concretou.
Neste sentido, o presidente galego explicou que o pequeno comercio terá liberdade horaria coa novidade de que se incrementa a superficie máxima que pode ter un establecemento para gozar dese beneficio ata 300 metros cadrados, fronte aos 150 actuais. “Máis liberdade horaria para o pequeno comercio, máis posibilidades para vender e organizarse”, remarcou.
Por outra banda, as grandes superficies poderán abrir 10 festivos –actualmente son 8-, a cantidade mínima que establece a lexislación estatal que contempla a apertura ata 16 festivos ao ano. “O horario máximo semanal será de 90 horas que tamén é o mínimo que establece a lexislación básica do Estado”, engadiu Feijóo.
“En definitiva cumprimos o obxectivo de facilitar o pequeno comercio en Galicia e cumprimos o obxectivo tamén de que as grandes superficies se vexan beneficiadas pola lexislación básica do Estado”, remarcou Feijóo. “Poderíamos chegar a 16 pero tomamos a decisión de manternos na banda baixa de 10 festivos ao ano. E liberdade horaria a todos os comercios de menos de 300 metros cadrados. Cremos que isto supón equilibrio dentro dos lexítimos intereses das dúas formas de comercio e supón tamén asumir os nosos compromisos electorais”, destacou.
Novidades en materia de sancións
O presidente da Xunta explicou que, en materia de sancións, a nova lei equipara as sancións contempladas na Lei de horarios comerciais do ano 2006 e na Lei do comercio interior de Galicia do ano 2010. “Non parecía razoable que houbera dous tipos de sanción en dúas leis que regulan o comercio en Galicia”, asegurou.
Así, o presidente galego explicou que, unha vez máis, a Xunta intenta perxudicar o menos posible ao pequeno comercio e diminúe a contía das faltas leves –as que máis comete o pequeno e mediano comercio- ata 1.500 euros fronte aos 60.000 actuais, e incrementa a das moi graves que pode chegar ao millón de euros. “Estamos facendo todo o posible para que o pequeno comercio non poidan verse nunha situación imposible no suposto de que reciban unha sanción”, salientou.
“En calquera caso na lei queda claro que a graduación das sancións se fará en función da dimensión do comercio do que se trate. Polo tanto, o lexislador deixa un espazo para que o instrutor do expediente poida graduar a sanción en función do volume do comercio, da facturación e da dimensión do comercio sancionado”, puntualizou o presidente galego.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na Coruña na entrega do oitavo premio á Excelencia na Xestión da Prevención de Riscos Laborais
Avanzou que entre as medidas do Plan para este ano destacan unha análise epidemiolóxico entre os veterinarios e a prevención entre os autónomos
Mato anunciou que en 2013 asinarase un convenio con Educación para conseguir concienciar entre os escolares sobre a importancia da prevención
A titular de Traballo indicou que entre xaneiro e novembro de 2012 os accidentes laborais en Galicia descenderon en máis dun 24 por cento
A Coruña, 24 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar contará este ano con un novo Plan para a prevención de riscos laborais. Así, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, avanzou hoxe que o novo Plan do ISSGA para 2013 contará con 66 actuacións entre as que destacou unha análise epidemiolóxico entre os veterinarios e a prevención entre os autónomos.
A titular de Traballo avanzou algunhas das novas medidas no acto de entrega do oitavo premio á Excelencia na Xestión da Prevención de Riscos Laborais, que se celebrou hoxe na Coruña. Esta edición o galardón recaeu na Voz de Galicia.
Con respecto ao estudo epidemiolóxico no sector dos veterinarios, lembrou que esta análise xa se desenvolveu entre outros colectivos, como o das redeiras. Pola súa banda, as actividades dirixidas aos autónomos e emprendedores teñen como obxectivo apoiar a un “dos motores básicos para a dinamización da nosa economía”.
A conselleira, ademais, anunciou que o Plan do ISSGA para 2013 inclúe a sinatura dun convenio coa Consellería de Educación para conseguir concienciar aos escolares da importancia da prevención de riscos laborais.
O programa tamén recolle outro tipo de medidas como a mellora da coordinación coa Consellería de Sanidade na información sobre as enfermidades profesionais.
O documento elaborado por Traballo para este ano forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 da Xunta, que foi un dos primeiros acordos asinados nas mesas do Diálogo Social de forma consensuada coa patronal e os sindicatos.
Mato indicou que grazas a esta planificación a sinistralidade laboral está a reducirse en Galicia, aínda que deixou claro que o obxectivo é conseguir diminuír as cifras a cero.
Apuntou, neste senso, que entre xaneiro e novembro de 2012 o total de sinistros laborais rexistrados na comunidade autónoma descendeu en máis dun 24 por cento, é dicir, neste período houbo 22.175 accidentes fronte aos 29.200 rexistrados nos mesmos meses de 2011.
Na última década, houbo, ademais, unha redución constante do número de accidentes laborais, un descenso que acadou unha cota case do 50 por cento.
Por último, Mato apelou ao esforzo de todos os cidadáns e a colaboración entre as administracións para seguir a loitar contra a sinistralidade laboral. “É necesario o compromiso de todos, das administracións e tamén das empresas e dos propios traballadores”, concluíu.
Publicouse recentemente na web novas ofertas EURES destinadas a traballar nestes países.
Noruega pretende cubrir os seguintes postos:
Podes consultar estas ofertas aquí.
Austria publica os seguintes postos:
Ademáis, este país vai realizar próximamente un proceso de selección en Madrid.
Podes consultar estas ofertas para Austria aquí.