Emprego Viveiro

A túa empregabilidade é o noso reto

A Xunta destina 2 millóns de euros a axudas a proxectos innovadores que contribúan ao desenvolvemento do sector pesqueiro

 

A Consellería incentiva o I+D+i con subvencións á realización de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos

Na baremación dos proxectos terase en conta a contratación de persoas que remataran os seus estudos nos últimos 18 meses de persoas que perdesen o seu emprego nos últimos 18 meses e tamén aquelas maiores de 40 anos que estean inscritas no Servizo Galego de Colocación.

Santiago, 30 de maio de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 2 millóns de euros a subvencionar a realización de proxectos innovadores dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos no sector pesqueiro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión destas axudas coas que se pretende incentivar o I+D+i no ámbito da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Estas axudas teñen como obxecto de financiamento as iniciativas destinadas a comprobar a viabilidade técnica ou económica dunha tecnoloxía innovadora. Tamén contribúen ao financiamento de iniciativas para desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade das artes de pesca, reducir as capturas accesorias, os descartes ou o impacto ambiental no fondo mariño. Ademais son obxecto de axudas a realización de probas sobre plans de xestión ou de asignación do esforzo pesqueiro, incluso de zonas de veda, co obxecto de avaliar as consecuencias biolóxicas e financeiras e a repoboación experimental.

Os proxectos deberán acompañarse dun seguimento científico, a fin de producir resultados significativos. Este seguimento deberá ser realizado por un organismo público como o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), os centros científicos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar ou a Universidade.

Os beneficiarios poden ser empresas ou unións temporais de empresas, asociacións empresariais, organizacións de produtores pesqueiros, confrarías, cooperativas, centros tecnolóxicos ou calquera outro organismo de investigación e desenvolvemento con participación privada maioritaria sempre que teñan a súa sede social en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade.

A diferenza das bases anteriores, este ano na baremación dos proxectos terase en conta a contratación de persoas que remataran os seus estudos nos últimos 18 meses. Ademais puntuará, como xa se fixo o ano pasado, que se contrate a persoas que perdesen o seu emprego nos últimos 18 meses e tamén aquelas maiores de 40 anos que estean inscritas no Servizo Galego de Colocación

O prazo de presentación das solicitudes para esta convocatoria será de 45 días dende mañá. Os interesados poden consultar a documentación e requisitos de presentación no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

Advertisements

Single Post Navigation

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: