Na convocatoria de 2007 poderase conseguir a certificación de electrónico de mantemento e de auxiliar de axuda a domicilio
O obxectivo destas probas é que o traballador dispoña dunha certificación oficial e con validez a nivel nacional, que acredite a súa competencia profesional, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición
As profesións de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, xa incluídas na convocatoria anterior, ampliaron a súa cota de prazas
Santiago, 15 de outubro de 2007.- A Consellería de Traballo convoca as probas para a obtención dos certificados de profesionalidade de dúas novas ocupacións: electrónico de mantemento e auxiliar de axuda a domicilio. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan as probas para a obtención dun certificado de profesionalidade ou para a acreditación parcial dunha ou varias unidades de competencia en convocatoria única para o ano 2007.
Deste xeito, na orde danse a coñecer os requisitos xerais que deben reunir as persoas interesadas en solicitar o acceso ás probas. Os itinerarios disporán dun prazo de 30 días naturais despois da publicación no Boletín Oficial do Estado.
A convocatoria das probas das ramas de electrónico de mantemento e de auxiliar de axuda a domicilio débese á crecente demanda de persoal cualificado neste tipo de servizos sociocomunitarios. De feito, para as probas de auxiliar de axuda a domicilio ofertaranse 300 prazas.
Así, para 2007 convócanse 50 prazas para a obtención de certificados de profesionalidade das especialidades de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, ás que hai que sumar as de electrónico de mantemento e de auxiliar a domicilio.
Independentemente das prazas sinaladas, poderán inscribirse nestas probas aquelas persoas que participaran nos exames convocados o pasado ano e non obtivesen o certificado de profesionalidade completo.
Estas probas están dirixidas a aquelas persoas que teñen competencias profesionais non acreditadas oficialmente, pero que contan con cursos de formación ou cunha experiencia profesional documentada.
A expedición do certificado de profesionalidade permitirá ao traballador dispoñer dunha certificación oficial e con validez nacional, que acredite a súa competencia profesional, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición. Para obter o certificado, o traballador terá que superar un exame teórico-práctico previo.
No caso de que os alumnos non superen as probas para a obtención do certificado de profesionalidade completo, entregaráselle unha certificación parcial, denominada crédito ocupacional. Estas certificacións parciais dunha ou varias unidades de competencia son acumulables, polo que nun futuro, o traballador pode acadar a certificación completa.
Por outra banda, as persoas que na anterior convocatoria non superaron todas as unidades de competencia, poderán realizar este ano as probas para obter o certificado completo.
Outra das novidades da convocatoria de 2007 é a ampliación de prazas para as probas de traballador forestal, xardineiro e mecánico de vehículos lixeiros, xa que este ano ofertaranse 50 prazas, en lugar de 25 como na convocatoria de 2006. A Consellería de Traballo decidiu ampliar o número de prazas debido ao elevado número de solicitudes rexistradas o pasado ano.
A experiencia de 2006
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, foi a primeira Comunidade Autónoma que puxo en marcha este tipo de probas para a obtención dos certificados de profesionalidade. Así, en 2006 fíxose unha convocatoria para as ocupacións de traballador forestal, xardineiro, mecánico de vehículos lixeiros, chapista pintor de vehículos, axustador mecánico e torneiro-fresador. Os exames teórico-prácticos leváronse a cabo en catro centros propios de Formación Profesional Ocupacional da Consellería de Traballo.
No pasado ano, 98 persoas presentáronse ás probas, das cales 75 obtiveron o certificado de profesionalidade completo e 17 acadaron a certificación parcial en algunha unidade de competencia. O perfil medio de solicitudes recibidas correspondeu a traballadores en activo, con idades comprendidas entre os 36 e os 45 anos, cun nivel de estudos básico e con ampla experiencia laboral, na súa maioría.
Para a presentación das solicitudes, estableceuse un sistema flexible que permitía aos candidatos inscribirse nas probas de todo o certificado de profesionalidade ou só nas unidades de competencia que consideraran oportunas.
As probas para traballador forestal e xardineiro realizáronse no Centro Nacional de FPO de Santiago de Compostela. No Centro de FPO de Coia-Vigo avaliáronse as persoas interesadas en obter o certificado de profesionalidade de chapista pintor de vehículos e axustador mecánico. As probas para mecánico de vehículos lixeiros leváronse a cabo no Centro de FPO de Lugo e no Centro de FPO Santa María de Europa de Ourense realizáronse as de torneiro-fresador.
A Consellería de Traballo destaca a importancia da realización destas probas, xa que esta experiencia poder servir de guía para amosarlles ao Ministerio de Traballo e ao resto de Comunidades Autónomas as dificultades que se deben superar para a posta en marcha desta iniciativa.